Dous, tres, cinco ou seis metros, ¿cando unha planta comeza a ser unha árbore e deixa de ser outra cousa? Depende segundo as fontes. A única realidade é que as primeiras árbores datan de, aproximadamente, hai uns 380 millóns de anos, e esas primeiras árbores supuxeron unha revolución no desenvolvemento posterior da vida sobre a terra xa que enriqueceron de xeito exponencial a atmósfera con osíxeno, o cal precipitou a colonización das terras emerxidas por parte dos vertebrados. Dende o devónico ata hoxe pasaron moitos anos e dende entón algunhas especies de plantas evolucionaron, unhas cara a formas cada vez máis sofisticadas, outras desapareceron e outras, as menos, mantendo as súas características básicas, mantivéronse, como os fentos ou o ginkgo, cun aspecto semellante ao dos seus antecesores de hai 200 ou 300 millóns de anos.
No ano 2014, fundamos a Asociación Galega de Arboricultura. Foi un ano para coñecernos no que nos adicamos básicamente a poñer as nosas ideas en orde, un ano para preguntarnos cara a onde imos e que queremos. Moitas foron as charlas informais entre algúns de nós das que xurdiron mil ideias.